
Ker Cuez nace no ano 1991 dentro do movemento do novo folk dos anos 90 a carón de grupos como Dhais, Fol de Niu, Matto Congrio ou Chouteira cos que compartiu escenario, premios e nalgúns casos (Fol de Niú, Chouteira) proxectos discográficos.
Esta primeira etapa mantívose ata o ano 1999 no que as vidas dos compoñentes diverxen por diferentes razóns laborais e familiares sen que ningún deles se desvinculase do mundo da música folk e tradicional.
Xa no ano 2017 deciden de novo retomar a actividade incorporando batería á formación. Esta nova incorporación xunto coa experiencia dos proxectos dos que todos os músicos participaron nos anos precedentes conforman o novo proxecto de Ker Cuez que ofrece unha mestura do vello e o novo folk galego con timbres e armonías actuais sen perder a personalidade que conformou na súa primeira etapa.
No ano 2022 deciden recoller nun novo traballo discográfico (Noctámbulos) a música que xa están a levar aos escenarios.
